Saturday 11 de May de 2024

A Xunta destaca a importancia da cooperación entre as Universidades das Rexións do Suroeste Europeo (RESOE)


Alfonso Rueda asistiu hoxe á reunión do VI Comité Executivo da Conferencia de Reitores do Suroeste de Europa (CRUSOE), que contou ca presenza dos reitores das Universidades de Vigo, Tras Os Montes (Norte de Portugal), Oviedo, Salamanca, Valladolid e os vice-reitores de Oporto e Aveiro (Centro de Portugal)

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou a importancia e relevancia da cooperación interrexional entre as Universidades da Macrorrexión das Rexións do Suroeste Europeo (RESOE), co fin de impulsar a educación como clave de progreso e factor imprescindible para o crecemento e a construción dun modelo social e económico máis sostible.

Alfonso Rueda asistiu hoxe á reunión do VI Comité Executivo da Conferencia de Reitores do Suroeste de Europa (CRUSOE), que tivo lugar en Vigo e que contou ca presenza dos reitores das Universidades de Vigo, Tras Os Montes (Norte de Portugal), Oviedo), Salamanca, Valladolid e os vice-reitores da Universidade de Oporto e Aveiro (Centro de Portugal).

A Administración galega é unha firme defensora de que as distintas rexións se asocien para deseñar fórmulas de cooperación que redunden nunha maior eficacia e competitividade, e ademais esta é unha esixencia da UE para participar en determinadas iniciativas europeas e ter acceso aos fondos de financiamento. Polo que dende o goberno galego seguiranse apoiando as iniciativas do noso sistema universitario e da CRUSOE, e a procura de proxectos innovadores e de fontes de financiamento no novo marco da Unión Europea, xa que este novo marco pon o acento na cooperación territorial e na innovación, polo que require da máxima coordinación e cooperación, da que a CRUSOE é un exemplo.

A Conferencia de Reitores do Suroeste de Europa (CRUSOE) está a implementar unha EstrateXia 2015-2020, cuxo obxectivo é incrementar o número de propostas e proxectos de cooperación, ademais de fomentar unha maior interacción entre os equipos das universidades e institutos que integran a Rede, para así contribuir á consolidación dun Espazo Europeo para a Educación Superior, que permita aumentar a mobilidade e o acceso ao mercado de traballo dos cidadáns europeos, mediante a eliminación de obstáculos á libre circulación de estudantes, profesores e investigadores.

A Conferencia de Reitores do Suroeste de Europa (CRUSOE) xurdiu e está apoiada por un dos Grupos de Traballo da Macrorrexión do Suroeste Europeo (RESOE), o grupo de Educación, Cultura e I+D+i, que lidera Galicia. A Rede CRUSOE está composta por 22 entidades de ensino superior, as universidades públicas e privadas da Comunidade Autónoma de Castela e León, as tres Universidades que integran o Sistema Universitario de Galicia, a Universidade de Oviedo no Principado de Asturias; así como as seis universidades públicas e os catro Institutos Politécnicos dependentes das rexións Norte e Centro de Portugal. Todas elas representan unha masa crítica de máis de 50.000 investigadores e 400.000 estudantes.

Durante a reunión desta maña cos Reitores das Universidades de 5 rexións españolas e portuguesas (Galicia, Asturias, Castela e León, Norte e Centro de Portugal) analizamos algún dos proxectos máis interesantes nos que se traballa na actualidade, como pode ser a RIS3 Transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, a primeira Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza que se realiza en Europa ou o éxito do programa de intercambio interuniversitario IACOBUS, lanzado pola AECT Galicia-Norte de Portugal de cara a fomentar a cooperación e a mobilidade académica no espazo universitario luso – galaico para promover a posta en común de proxectos formativos e de investigación científica, entre PDI, PAS e investigadores. Un proxecto piloto de formación continua que une 11 institucións do Norte de Portugal e Galicia e que xa beneficiou a 331 investigadores e profesores, estudantes e persoal administrativo de 11 institucións de Galicia e do Norte de Portugal, cun orzamento total para estes case dous anos de 400.000 euros.

Finalemente, na súa xuntanza cos Reitores, Rueda analizou posibles posibilidades de colaboración e de cooperación de cara a este esceario 2014-2020 da Unión Europea.

Macrorrexión RESOE
A Macrorrexión RESOE naceu como unha iniciativa de cooperación transfronteiriza que se puxo en marcha por primeira vez no sur do continente europeo e que ten entre os seus obxectivos gañar máis peso en Europa, ademais de aumentar as posibilidades potenciais de acceder a fontes de financiamento comunitario, especialmente de cara ao novo período de orzamentos que se abriu este ano.

Ca creación da Macrorrexión logrouse un reforzo da alianza político institucional entre Galicia, Castela –León, o Norte de Portugal, á que recentemente se uniron o Principado de Asturias e o Centro de Portugal. Neste senso, a Estratexia que representa a RESOE é unha plataforma extraordinariamente flexible que permite desenvolver, ampliar e aumentar as posibilidades potenciais da cooperación territorial europea, cunha fórmula de traballo ampla, na que se fomenta a colaboración entre as administracións públicas rexionais, o ámbito político, os centros de investigación, as empresas e as universidades. Permite, ademáis, coordinar mellor os recursos existentes e, no ámbito do concreto, fomentar o desenvolvemento da sociedade do coñecemento a través da investigación, a educación e as tecnoloxías da información; o apoio á competitividade das empresas e a loita contra o desemprego e o declive demográfico.